jueves, 29 de octubre de 2009

IBI: o PP sobe a contribución un 40%

O goberno da Triple-I (*), aprobou unha subida do IBI (Imposto de Bens Inmobles) en mais de un 40%. Nas casas do rural esta subida pode chegar ate ó 150%.

(*) Triple-I = Goberno do PP de Ponteareas caracterizado pola sua Ineficacia, Incompetencia e Irresponsabilidade.

domingo, 11 de octubre de 2009

A Executiva Provincial: Un novo desafio.

O congreso provincial celebrado en Pontevedra o pasado sábado dia 3 de outubro, foi o primeiro da nova etapa do PSdeG que cambia a estrutura comarcal vixente ate o de agora para adoptar a estrutura provincial, sendo Pontevedra a primeira das provincias galegas en celebrar o seu congreso constituinte.

Neste congreso a delegación da agrupación de Ponteareas da que eu formaba parte, estaba encabezada por Francisco Candeira, e tivo unha participación moi activa conseguindo que se aprobaran moitas das súas propostas na comisión de estatutos, propostas fundamentalmente políticas sobre o modelo de partido.


Neste primeiro Congreso fun elixido membro de esta primeira Executiva Provincial polo que me sinto moi honrado de poder representar a Agrupación de Ponteareas nesta primeira executiva, que é "histórica” . Por outra banda é o recoñecemento ó labor desenvolvido polos socialistas de Ponteareas nos últimos anos, asi como da vontade expresa do noso secretario xeral Francisco Candeira de propoñerme a min para asumir esa labor.


Dende esta nova responsabilidade tratarei de aportar o meu traballo e a miña intelixencia para lograr un partido mais forte e útil para a sociedade, que responda e dea solucións eficaces ós problemas dos cidadáns. Ademais vai ser moi estimulante, traballar conxuntamente con Modesto Pose por quen sinto un especial aprecio.

viernes, 18 de septiembre de 2009

O alcalde de Ponteareas atranca o funcionamento do novo IES


É de escandalo o que está a acontecer en Ponteareas, mais alá da cor política ou de intereses de partido, é inadmisible que o novo IES que costou mais de ¡¡tres millons de euros¡¡, non se poida utilizar porque o alcade non fixo o acceso de 5 metros de longo, ¡si 5 metros de longo¡, para que os alumnos e os profesores poideran acceder ó centro educativo.

O alcalde ten posto mil atrancos para boicotear este IES tan necesario para Ponteareas, primeiro ofredendo á Consellería un terreo non urbanizable polo que foi necesario recurrir a un procedemento extraordinario para conseguir que o Consello da Xunta de Galicia presidida por Touriño lle dera a licencia de obra. Despois resulta que a parcela non tiña acceso directo a ningunha via pública polo que foi necesario que o Ministerio de Fomento dera unha autorización especial para poder acceder os camións e obreros pola N-120 para a construcción do edificio. E por último o imcumplimento reiterado dos compromisos adquiridos en canto a realización das obras de acceso asi coma as acnalizacións de servicios de auga e saneamento, competencia do concello.

É unha autentica provocavión que tendo o edificio rematado e o persoal adscrito, o Alcalde pola sua incompetencia impida que comencen normalmente as clases, por non ter feito as obras que se comprometeu a facer hai 3 anos, 2 anos, 6 meses e tres meses.

Por certo que o Conselleiro de Educación o Sr. Jesús Vazquez, foi persoalmente informado polo Grupo Municipal Socialista en xuño e xullo, da situación do novo IES, e da desconfianza que habia sobre as obras que lle competían o Concello, sendo lamentable que o día antes do comenzo oficial do curso na Consellería de Educación ainda non sabían que ian facer cos alumnos dese instituto de Ponteareas. ¡Viva o goberno Feijoo¡

miércoles, 17 de junio de 2009

A procesión do Corpus mais "chacharacheira".

Este último domingo unha vez mais dende hai xa uns cantos anos, os concelleiros socialistas asistimos á procesión do Corpus por entender que trascende ó mero feito relixioso e ser o remate final á expresión artistica e cultural que os veciños de Ponteareas de xeito colectivo e solidario fan por medio da confección das alfombras florais. Entendémolo coma un sinal de respecto cara ós nosos veciños a quenes representamos.

Ó baixar polas escaleiras de San Gregorio e encarar a rúa dos Ferreiros decateime novamente do deteriorado que está o casco vello de Ponteareas. Ese aspecto ruinoso e decadente ainda era mais patente si cabe ante o contraste coa explosión de cor e frescura das frores. É urxente promover politicas activas de habitabilidade, reconstrucción e adecentamento de este espacio urbán testemuña da nosa historia.

Este ano acompañounos Alberto Núñez Feijoo. Realmente quedei sorprendido do seu comportamento durante a procesión, saudando ostentosamente coas mans, mandando bicos polo ar, mostrando abertamente o pulgar hacia arriba (OK), mesmo parecía un actor atravesando a alfronbra vermella ou un xeneral romano victorioso na sua entrada triunfal en Roma. Este comportamento era tan chamativo que un concelleiro do PP comentou "é a procesión mais chacharacheira dos últimos anos". Botouselle en falta a dignidade que debe mostrar o Presidente da Xunta de Galicia que representa a tódolos galegos e o respecto que merecen os costumes e tradicións dos ponteareáns. Este é un dos "chismes" que circula estes días pola vila pero lamentablemente non teño fotos, polo que si alguén que lea este blog ten algunha agradeceria moitisimo que a colgase aquí.

viernes, 12 de junio de 2009

O Goberno de Zapatero concede ó Corpus de Ponteareas, a distinción de Festa de Interese Turístico Internacional


Axunto un estrato das declaracións de Francisco Candeira:

"o Partido Socialista de Ponteareas quere expresar a súa ledicia e satisfacción, e desexa felicitar a tódolos nosos concidadáns e, especialmente, a tódolos e tódalas alfombristas por que esta creación colectiva, artística cultural e relixiosa, que son as nosas alfombras de flores, teñan merecido este recoñecemento. Ademais nós sentimos un especial orgullo por ser un goberno socialista desde Madrid quen dea este paso histórico para o noso pobo.
Lograr a designación de Festa de Interese Turístico Internacional era un vello anceio de tódolos ponteareáns que, paso a paso, viron como se foi recoñecendo o valor das nosas alfombras nun longo percorrido temporal. Así, no ano 1968, en plena Dictadura, foi declarada Festa de Interese Turístico. 12 anos despois, en 1980, co goberno de Adolfo Suárez, mereceu a designación de Festa de Interese Turístico Nacional. Agora, 29 anos despois, é o goberno presidido por Rodríguez Zapatero quen concede este rango internacional que vai contribuir aínda máis á difusión deste evento e ó incremento da afluencia de persoas españolas e estranxeiras para admirar e respectar o xenio unido de tódolos ponteareáns."

sábado, 6 de junio de 2009

Novas na miña parroquia de Ribadetea en Ponteareas


Os veciños e veciñas da parroquia de Ribadetea reivindican publicamente estes días diante do concello, a realización de una serie de compromisos asumidos polo Alcalde Salvador González Solla, e reiteradamente incumpridos.

A protesta pública da A.V.V. de Ribadetea limitouse ate o de agora a poñer dúas pancartas na estrada que vai a Pazos de Borbén e que atravesa a parroquia. Pero este sinxelo acto de protesta da a medida do cansazo e esgotamento de uns veciños habitualmente comprensivos, cunha paciencia infinita que sempre confían en acadar os seus obxectivos co diálogo e “polas boas”, xentes que confiaron unha e outra vez na palabra do Alcalde e do Goberno Municipal. Por iso cando fan algunha medida de protesta pública, por pequena que sexa, indica que xa se superaron de abondo os límites da paciencia colectiva, que houbo un incumprimento reiterado durante meses ou incluso anos, e que xa se perdeu o último fío de esperanza e de confianza en resolver os problemas da comunidade.

O meu recoñecemento ó traballo que realizan as AAVV nas parroquias, traballo non sempre ben recoñecido polos propios veciños, pero que é fundamental para defender, reclamar e protexer o interés colectivo, ó marxe de intereses persoais ou políticos. Para un bon funcionamento do sistema democrático, é imprescindible que a sociedade civil se organice e mobilice na defensa do interés común, por iso a importancia das asociación parroquiaois que son as que verdadeiramente dinamizan e fan progresar ó rural.

jueves, 4 de junio de 2009

O descenso do paro irrita ó PP


Tralo anuncio do descenso do paro no mes de maio, escoitei na radio a valoración de diferentes representantes sociais que en xeral eran prudentes desexando que ese dato confirmara unha tendencia xa que sería bo para o conxunto do pais e sobre todo para os cidadáns, para homes e mulleres, para a xente.

A sorpresa xurde cando escoito as valoracións do dirixente do PP Cristobal Montoro, notábase fondamente irritado, mesmo parecía un neno caprichoso que non conseguira o que quería, e todo porque en España había case 25.000 parados menos, notábaselle que non podía aturar tal feito e optou por negalo e por descalificalo ate ó absurdo. O peor é que esta mesma sensación se desprendía das valoracións de outros dirixentes do PP.

Vai ter razón Luis Fernando López Aguilar cando di que os do PP o queren é que as cousas vaian a peor, que contan con avaricia cada novo parado, que celebran sen pudor cada novo dato negativo, porque esperan que canto peor lles vaia ós españois, mais posibilidades terá o PP de gañar as eleccións.

O que lle importa a Mariano Rajoy é chegar á Moncloa aínda que para elo teña que afundir a España.

miércoles, 27 de mayo de 2009

Unha reflexion sobre o aborto.

Unha das miñas fillas maiores, que agora ten 19 anos, pediume que expresara neste blog a miña opinión sobre o aborto. Este é un tema para min sempre delicado que penso necesita de mais coñecemento, comprensión e empatía e de menos “moralina” e radicalismo.

Cando comecei a exercer coma médico, neste pais o aborto era un delito con pena de cadea. No exercicio da miña profesión fun testemuña directa de moitas mulleres que por diversas razóns, sociais, económicas, sanitarias ou laborais, se sentiron na necesidade de interromper o seu embarazo, decisión sempre difícil e traumática. Naquel momento as opcións que había era ir ó estranxeiro para abortar; de Galicia acudían moitas a Portugal, a clínicas que non garantían as mínimas condicións hixienico-sanitarias nin de intimidade; as mulleres que tiñan mais recursos collían un avión a Iglaterrra ou a Amsterdan. Tamén había mulleres que acudían a menciñeiras onde o aborto asemellábase mais a unha tortura medieval. Nestas situacións eran moitos os casos con complicacións de hemorraxias, infeccións, perforacións uterinas etc, que en casos extremos, mesmo acababan coa vida de esas mulleres.

Cando o Goberno do PSOE de Felipe González decidiu “despenalizar” o aborto con certas condicións, o que pretendía era dar cobertura legal e garantías sanitarias ás mulleres que tomaran esa decisión. O PP que estivo activamente en contra de esa lei, non foi quen de cambiala cando estivo no goberno, quizais porque era unha lei xusta e necesaria. Sempre a dereita está en contra de avanzar no recoñecemento dos dereitos cívicos pero logo non lle queda mais remedio que asumilos, e isto ten sido así en todos os progresos sociais do século XX en Europa.

O aborto sempre é a expresión dun fracaso, un fracaso dos métodos anticonceptivos, un fracaso da información sexual, un fracaso da ilusión dun fillo san... Sempre é unha decisión difícil que en última instancia teñen que tomar as mulleres, porque son elas as que están preñadas, as que paren e as que amamantan; as que teñen que decidir sobre o seu propio corpo e a súa vida, as que teñen que asumir os riscos de secuelas físicas e/ou psicolóxicas..

Dende a miña experiencia podo dicir que todas as mulleres que coñezo e que tomaron esa decisión sempre lles foi difícil e traumático, nunca doado. Decidir interromper un embarazo sexa por malformación fetais, por preservar a saúde da nai ou por razóns económicas ou sociais , é unha das decisións mais duras ás que se pode ter que enfrontar unha muller na súa vida.

Non se pode banalizar o aborto coma se fora un método anticonceptivo mais, pero tampouco se pode perseguir e criminalizar as mulleres que deciden interromper o seu embarazo. Dende o Goberno Central hai actualmente a proposta dunha nova “lei de prazos” que vai ampliar as garantías xurídicas e sanitarias para as mulleres e os profesionais.

O PP con esa moral de “quita e pon” esta radicalmente en contra da reforma da lei, convirtindose en voceiro dos sectores mais ultraconservadores e radicais de este pais. Claro que ós “principios morais” do PP non son moito de fiar, e poño dous exemplos: estiveron en contra da lei do divorcio, pero unha parte importante dos dirixentes do PP dos últimos anos estaban divorciados; estiveron radicalmente en contra do matrimonio homosexual, pero un concelleiro popular de Ourense foi un dos primeiros en casar con outro home, unha voda á que por certo asistiu Nuñez Feijoo e que tivo unha importante cobertura mediática. É dicir o PP sempre está en contra de leis que recoñecen dereitos ós cidadáns, pero logo como non son parvos, son os primeiros en aproveitarse de elas, unha “moralidade de mercadillo”.

Dende os poderes públicos cuxa principal función é servir os cidadáns, mellorando as súas condicións de vida e solucionando os seus problemas, ante o aborto deberían abordalo en dúas perspectivas:
1) Actuacións dirixidas a evitar embarazos non buscados, mais información e formación sobre sexualidade e maior accesibilidade a métodos anticonceptivos. Quizais sexa este o aspecto mais importante e no que a maioría da sociedade está de acordo, pero lamentablemente dedicaselle pouco tempo e menos recursos.
2) Cando xa hai un embarazo e a muller decide interrompelo, é necesario garantirlle unha seguridade sanitaria que diminúa os riscos para a súa saúde física e mental, e ademais unha seguridade xurídica que a protexa de ser perseguida, ou violentada na súa intimidade.

Por último incidir en que o aborto sempre é a expresión dun fracaso, unha decisión difícil e dura, que en última instancia lle corresponde tomar exclusivamente á muller.

lunes, 18 de mayo de 2009

O peche de Alecrin, unha triste nova para Vigo e bisbarra.

O peche de Alecrin a as súas instalacións despois de 25 anos de servicio á sociedade, é unha triste nova para Vigo e a sua área metropolitana e por extensión para toda Galicia, unha perda importante para todas as cidadanas e cidadás que pretendemos unha sociedade mais xusta e solidaria.

Alecrin convertiuse nestes 25 anos no referente imprescindible na loita contra a discriminación, abuso e maltrato das mulleres. Foron pioneiras na denuncia dos malos tratos traballando dia tras dia para que se fixeran visibles conductas e actitudes intolerables para que a sociedade as rexeitara explicitamente. Abriron as primeiras casas de acollida para mulleres maltradas, denunciaron a explotación, abuso e excravitude sexual á que están sometidas as mulleres prostituidas; deron asesoramento legal e apoyo a mulleres sen recursos; abriron o primeiro centro xuvenil de asesoramento sexual; todo un catálogo de actividades que indican que Alecrin non solo foi unha asociación de denuncia e reflexión teórica, senon tamen e sobre todo de acción directa tratando e resolvendo situacións concretas de mulleres con nome e apelidos.

É lamentable leer nos medios de comunicación que Alecrin pecha por falta de recursos económicos, por non lle ter prorrogado as subvencións das administracións públicas, habendo na entrevista que lle facían a Ana Míguez, unha acusación implícita o BNG. Será quizais porque cando este partido na época de bonanza da Vicepresidencia de Anxo Quintana, organizou unhas xornadas sobre sexualidade e recibiu as críticas de Alecrin por traer coma "experta" para dar unha conferencia, a unha muller relacionada coa pornografía. É intolerable que se utilicen os recursos públicos, que son cartos de todos os cidadáns, para premiar ou castigar as asociacións por ser mais o menos dóciles co partido político de turno.

Tamén me entristece ler en Internet alguns comentarios inxustos e ofensivos contra Ana Míguez e as suas compañeiras. Eses comentarios son o mellor reflexo de que Alecrin é neste momento tan necesario coma hai 25 anos. Comentarios solo fruto da ignorancia, da intolerancia ou de ambas. Descoñecer ou negar que o movimento feminista foi o que supuxo unha maior transformación social no século XX, é ignorar a historia recente na cultura occidental. Utilizar os mesmos insultos e descalificacións que hai 40, 50, 70 ou 100 anos, indica que ainda non está todo o camiño recorrido, e que o conseguido é feble e se pode perder.

Claro que se pode dicir de Alecrin que é unha asociación feminista con plantexamentos que se poderían calificar como radicais, porque o seu obxectivo foi loitar polos dereitos da muller e polo visivilidade da sua discriminción, e solo dende a radicalidade é posible facer avanzar a sociedade. Se hoxe está mal visto socialmente os malos tratos, é porque mulleres coma as de Alecrin os denunciaron durante anos hasta conseguir que a sociedade entendera que realmente existía un grave problema que había que resolver. Esa defensa dos dereitos da muller e a loita contra a sua discriminación non se plantexaba dende Alecrin coma unha confrontación entre os sexos, sinon como unha loita contra os maltratadores, os proxenetas, os violentos e contra a sua impunidade.

Dende esta fiestra aberta ó mundo quero mandarlle a miña solidariedade, e o meu recoñecemento a Ana Míguez e a todas as que a acompañaron nestes 25 anos. Unha forte aperta e o agradecemento por ter contribuido a unha sociedade mais xusta e tolerante.

miércoles, 13 de mayo de 2009

¡ Pobre comercio galego !

Nestes último días ten habido cambios no goberno municipal trala marcha de Nava Castro, a que lle desexo que teña exito na suas novas responsabilidades, ainda que coñecendo a sua traxectoria política en Ponteareas, e como concelleira de Facenda no último ano, a verdade non hai elementos que fagan esperar unha boa xestión na Dirección Xeral de Comercio, mais ben todo o contrario.

Como concelleira de facenda foi incapaz de elaborar o orzamento de 2009 e deixou unha morea de facturas sen recoñecer precisamente de comerciantes e de PEMES ós que o concello comprou materiais ou contratou servicios e que agora non lles pode pagar ainda que houbera cartos para facelo. A filosofía da Sra. Castro era esperar a que pasaran catro anos para que prescriban as facturas e asi o concello xa non terá a obriga de pagalas, todo un atraco e unha tomadura de pelo á xente que traballa e se esforza por manter en pé o seu negocio. A única opción de cobrar que teñen estes provedores é reclamar o pago da débeda nos xulgados.

Si Nava Castro vai seguir aplicando estas tácticas politicas nas suas novas responsabilidades na Xunta, ¡pobre comercio galego!.

Estou de volta. O goberno local sigue na "inopia".

Despois de estrear este blog e tras un tempo ocupado en cuestións persoais, quero continuar as miñas reflexións comenzando polo acontecido no último Pleno Municipal. Unha vez mais o Goberno Local pretende despachar os plenos con catro tonterías e intentando que non teñan voz as propostas da oposición. Realmente é irritante comprobar a pouca capacidade política e de xestión do Alcalde e os concelleiros/as que gobernan Ponteareas.

Neste último pleno do 30 de abril por parte do goberno solo dar conta de resolucións e a aprobación dun crédito extraordinario para obras (algo reiterado por falta de previsión e ausencia de orzamentos do 2009), e mais nada, coma si no noso concello non houbera problemas que resolver, coma si non houbera problemas de tráfico, de seguridade cidadana, de servicios coma a falta de potabilidade da auga etc etc etc. Ás veces non sei si esta actitude do goberno é por simple incompetencia ou é que deliberadamente decidiron non facer nada importante para resolver algún dos graves problemas que temos en Ponteareas.

Despois das proposta do goberno aprobouse unha moción do PSOE, pero como non estaba o concelleiro de novas tecnoloxías non se poido debatir. Logo tratouse outra mocion solo deliberativa da oposición e posteriormente o Alcalde suspendeu o Pleno ó negarse á aceptación dunha moción de urxencia, quedando unha morea de preguntas e rogos da oposición sen que se poideran tratar.

Menuda pérdida de tempo e .....de cartos.

viernes, 17 de abril de 2009

Hoxe comenzamos.

Hoxe comenzo a escribir neste blog, esperando que no futuro poida ser un vehículo de comunicacion con moitos cidadáns de Ponteareas os que lles poder contar directamente o que fago e o que penso dende a miña condición de concelleiro socialista e membro da Agrupación Socialista de Ponteareas.

O primeiro pensamento é para os compañeiros que fixeron realidade abrir esta fiestra ó mundo, moitas grazas, especialmente a José Manuel.

Estes días parte da miña actividade política está adicada a reflexionar sobre o importante momento que estamos a vivir os socialistas galegos. Dentro dunha semana imos escoller a un novo Secretario Xeral nun congreso extraordinario e iso sempre é motivo de actividade e movementos moi curiosos dentro da organización, os militantes de Ponteareas imos estar representados polo noso "xefe" o secretario xeral Pancho Candeira que estará acompañado por o cocelleiro Alfonso Porto e outros compañeiros máis. Ainda que no congreso terán que tomar decisións sen poder consultar o resto da agrupación, eu sei que Candeira nunca nos vai fallar, sabemos que podemos confiar cegamente en él, é un "crak".

É probable, casi seguro, que será finalmente Manuel "Pachi" Vazquez quen vai dirixir os próximos anos ó noso partido en Galicia. Seguro que o fará ben, él tamén é médico coma min, ten demostrada gran capacidade de xestion e organización política. Dende hai tempo fomos moitos os compañeiros que empezamos a pensar en él como o mellor sucesor para cando Touriño se retirase. É un bo tipo, moi cercano e seguro que vai sorprender para os que ainda non o coñezan.

Saúde.
---------------------- ---------------------------------------