miércoles, 27 de mayo de 2009

Unha reflexion sobre o aborto.

Unha das miñas fillas maiores, que agora ten 19 anos, pediume que expresara neste blog a miña opinión sobre o aborto. Este é un tema para min sempre delicado que penso necesita de mais coñecemento, comprensión e empatía e de menos “moralina” e radicalismo.

Cando comecei a exercer coma médico, neste pais o aborto era un delito con pena de cadea. No exercicio da miña profesión fun testemuña directa de moitas mulleres que por diversas razóns, sociais, económicas, sanitarias ou laborais, se sentiron na necesidade de interromper o seu embarazo, decisión sempre difícil e traumática. Naquel momento as opcións que había era ir ó estranxeiro para abortar; de Galicia acudían moitas a Portugal, a clínicas que non garantían as mínimas condicións hixienico-sanitarias nin de intimidade; as mulleres que tiñan mais recursos collían un avión a Iglaterrra ou a Amsterdan. Tamén había mulleres que acudían a menciñeiras onde o aborto asemellábase mais a unha tortura medieval. Nestas situacións eran moitos os casos con complicacións de hemorraxias, infeccións, perforacións uterinas etc, que en casos extremos, mesmo acababan coa vida de esas mulleres.

Cando o Goberno do PSOE de Felipe González decidiu “despenalizar” o aborto con certas condicións, o que pretendía era dar cobertura legal e garantías sanitarias ás mulleres que tomaran esa decisión. O PP que estivo activamente en contra de esa lei, non foi quen de cambiala cando estivo no goberno, quizais porque era unha lei xusta e necesaria. Sempre a dereita está en contra de avanzar no recoñecemento dos dereitos cívicos pero logo non lle queda mais remedio que asumilos, e isto ten sido así en todos os progresos sociais do século XX en Europa.

O aborto sempre é a expresión dun fracaso, un fracaso dos métodos anticonceptivos, un fracaso da información sexual, un fracaso da ilusión dun fillo san... Sempre é unha decisión difícil que en última instancia teñen que tomar as mulleres, porque son elas as que están preñadas, as que paren e as que amamantan; as que teñen que decidir sobre o seu propio corpo e a súa vida, as que teñen que asumir os riscos de secuelas físicas e/ou psicolóxicas..

Dende a miña experiencia podo dicir que todas as mulleres que coñezo e que tomaron esa decisión sempre lles foi difícil e traumático, nunca doado. Decidir interromper un embarazo sexa por malformación fetais, por preservar a saúde da nai ou por razóns económicas ou sociais , é unha das decisións mais duras ás que se pode ter que enfrontar unha muller na súa vida.

Non se pode banalizar o aborto coma se fora un método anticonceptivo mais, pero tampouco se pode perseguir e criminalizar as mulleres que deciden interromper o seu embarazo. Dende o Goberno Central hai actualmente a proposta dunha nova “lei de prazos” que vai ampliar as garantías xurídicas e sanitarias para as mulleres e os profesionais.

O PP con esa moral de “quita e pon” esta radicalmente en contra da reforma da lei, convirtindose en voceiro dos sectores mais ultraconservadores e radicais de este pais. Claro que ós “principios morais” do PP non son moito de fiar, e poño dous exemplos: estiveron en contra da lei do divorcio, pero unha parte importante dos dirixentes do PP dos últimos anos estaban divorciados; estiveron radicalmente en contra do matrimonio homosexual, pero un concelleiro popular de Ourense foi un dos primeiros en casar con outro home, unha voda á que por certo asistiu Nuñez Feijoo e que tivo unha importante cobertura mediática. É dicir o PP sempre está en contra de leis que recoñecen dereitos ós cidadáns, pero logo como non son parvos, son os primeiros en aproveitarse de elas, unha “moralidade de mercadillo”.

Dende os poderes públicos cuxa principal función é servir os cidadáns, mellorando as súas condicións de vida e solucionando os seus problemas, ante o aborto deberían abordalo en dúas perspectivas:
1) Actuacións dirixidas a evitar embarazos non buscados, mais información e formación sobre sexualidade e maior accesibilidade a métodos anticonceptivos. Quizais sexa este o aspecto mais importante e no que a maioría da sociedade está de acordo, pero lamentablemente dedicaselle pouco tempo e menos recursos.
2) Cando xa hai un embarazo e a muller decide interrompelo, é necesario garantirlle unha seguridade sanitaria que diminúa os riscos para a súa saúde física e mental, e ademais unha seguridade xurídica que a protexa de ser perseguida, ou violentada na súa intimidade.

Por último incidir en que o aborto sempre é a expresión dun fracaso, unha decisión difícil e dura, que en última instancia lle corresponde tomar exclusivamente á muller.

1 comentario:

---------------------- ---------------------------------------